Thursday 16 de May de 2024

O concello reiniciará á maior brevidade o procedemento de contratación das obras de ampliación do Punto Limpo


O proxecto está valorado en 250.000 euros e será cofinanciado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O Concello volverá sacar a licitación en próximas datas o proxecto de ampliación das instalacións do punto limpo da Laracha co propósito de reiniciar á maior brevidade posible o procedemento de contratación despois de quedar deserta a primeira convocatoria ao non presentarse ofertas.

A intervención que promove o Concello contempla a urbanización dun sector da parcela de titularidade municipal situada xunto ao punto limpo para a creación dun novo espazo con acceso pola entrada principal que complemente ao xa dispoñible no momento actual. Así, facilitarase ao persoal o desenvolvemento das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.

No novo espazo está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para incrementar a cantidade de contedores dos diferentes tipos de residuos, zona de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas.

Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.

Tendo en conta que os usuarios que se achegan ata o punto limpo poden facelo tanto a pé como en vehículo, o deseño e ordenación dos novos espazos disporá das dimensións, sinalización e organización axeitada para o tránsito peonil e rodado con garantía de seguridade.

O proxecto está valorado en preto de 250.000 euros cóntase para o seu cofinaciamento coa colaboración económica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.